O domingo, 25 de abril de 2021, levouse a cabo unha xornada de voluntariado do proxecto LIFE Fluvial promovida pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Nesta ocasión, contouse coa colaboración na organización da Concellaría de Obras públicas, Servizos, Medio Ambiente e Protección Civil do Concello de Carral, así como de “Brexa”, Asociación de Custodia do Territorio de Carral.
Os traballos desenvolvidos consistiron na plantación de especies autóctonas de bosque de ribeira nunha parcela titularidade do Concello de Carral á beira do río Brexa.
Dita actuación de divulgación e sensibilización enmarcada en LIFE Fluvial, forma parte dunha serie de actividades programadas durante estes días pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para a celebración do Día Mundial da Terra 2021.
Ao longo da xornada, os voluntarios plantaron un total de cincuenta árbores das especies bidueiro (Betula celtiberica), acivro (Ilex aquifolium), pradairo (Acer pseudoplatanus) e carballo (Quercus robur). O material vexetal empregado, facilitado pola empresa TRAGSA, pertence ao propio proxecto LIFE Fluvial.