A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO CELEBRA UN SEMINARIO DE EXPERTOS PARA A RECUPERACIÓN DO SALMÓN NO RÍO MANDEO

O concepto de corredor fluvial vai aparellado ao propio concepto de río, e abarca o conxunto do territorio fluvial, o río na súa canle de estiaxe, a vexetación de ribeira e o espazo que ocupan as augas durante as enchentes, xunto coa cuberta vexetal asociada.

Os corredores fluviais albergan ecosistemas acuáticos e terrestres, configurando uns espazos de elevada biodiversidade que funcionan como refuxio para moitas especies vinculadas ao ámbito fluvial, constituíndo un dos principais reservorios de diversidade de flora e fauna dos nosos territorios.

Baixo esta óptica, a Reserva de Biosfera, coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), celebrou o 16 de abril un seminario online titulado “Recuperación de Ictiofauna Piscícola en Corredores Fluviais”, enmarcado dentro das accións do proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771), do que ámbalas dúas entidades forman parte.

A presentación da xornada correu a cargo de José Antonio Santiso, presidente da Reserva de Biosfera, que destacou a importancia da conservación das poboacións piscícolas nos cursos fluviais e do destacado papel do Programa LIFE para o desenvolvemento de accións sobre o medio ambiente e o clima.

Como relatores, contouse, por unha banda, co Servizo de Patrimonio Natural de Lugo (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) e co Grupo de Investigación sobre peixes e moluscos da Universidade de Santiago de Compostela. Nestas dúas ponencias falouse sobre a situación actual do salmón atlántico en Galicia así como da importancia do mexillón de río como bioindicador na conservación de corredores fluviais.

A continuación, da man dun experto en desenvolvemento local e con ampla experiencia ademais na práctica da pesca en Asturias, falouse do papel desta práctica deportiva como recurso turístico sostible en áreas rurais. Para finalizar o seminario presentáronse dous casos prácticos de recuperación e conservación de ictiofauna piscícola en Portugal: os casos do río Mondego (PROMAR) e do río Vouga (LIFE Agueda), relatados dende o Centro de Ciencias do Mar e do Ambiente da Universidade de Évora.

A temática espertou un gran interese, con preto de 100 persoas inscritas con vinculacións profesionais ao Medio Ambiente, dende Universidades, Administracións locais e autonómicas, empresas públicas e privadas, Centros de formación, Entidades Medioambientais e Asociacións de pescadores, con actividade en Asturias, Euskadi, Galicia, Navarra, A Rioxa e Portugal.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies