As actividades de voluntariado ambiental levadas a cabo por LIFE Fluvial os días 5 e 6 de xuño de 2021, enmarcadas na celebración do Día Mundial do Medio Ambiente e do Día da Rede Natura 2000, tiveron como eixe principal a eliminación de especies exóticas invasoras na ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004) así como no Monte Veciñal en Man Común Monte das Moas, no concello de Irixoa.
Con carácter complementario, os esforzos do persoal voluntario e do equipo técnico de LIFE Fluvial foron tamén dirixidos á eliminación de refugallos plásticos atopados nas inmediacións dos enclaves de actuación.
Esta actividade ven de ser recoñecida coa súa publicación no boletín de setembro de 2021 do grupo de traballo «Zero Plastic», conformado pola colaboración da Rede de Reservas de Biosfera Illas e Zonas Costeiras, á que pertence Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.