A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO CELEBRA O DÍA EUROPEO DA REDE NATURA 2000 CON ASPACE CORUÑA

A Rede Natura 2000 é un conxunto de áreas naturais protexidas a escala da Unión Europea co obxectivo de conservar a biodiversidade e a supervivencia das especies e dos hábitats. Constitúe o principal instrumento de conservación da natureza da Unión Europea e componse de Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e de Zonas Especiais de Protección para as Aves (ZEPA).

Con motivo da celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000, este 21 de maio de 2020 levouse a cabo un taller de pintura tematizado nas instalacións de ASPACE CORUÑA, no concello de Sada, en coordinación coa Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A iniciativa enmárcase dentro das accións de divulgación e sensibilización do proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771), do que a Reserva de Biosfera forma parte.

ASPACE é unha entidade pioneira en Galicia en atención integral a persoas con parálise cerebral que traballa para a mellora da súa calidade de vida e das súas familias. Forma parte do conxunto de socios da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos, órgano xestor da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A colaboración entrámbalas dúas entidades en materia medioambiental xa tiña programada a finais do mes de marzo unha xornada de voluntariado e concienciación sobre o perigo das especies exóticas invasoras, a cal tivo que ser aprazada por mor da crise do Covid-19.

A Reserva de Biosfera conta con catro ZEC no seo da Rede Natura 2000 (Encoro de Abegondo-Cecebre, Costa da Morte, Betanzos-Mandeo e Costa de Dexo). Dentro desta temática, o motivo escollido por ASPACE foi a realización dun mural sobre a Costa de Dexo (ES1110009) en Oleiros, en cuxa composición participaron unha ducia de usuarios do centro.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies