Actuacións do Proxecto LIFE FLUVIAL na ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004)

Actuacións do Proxecto LIFE FLUVIAL na ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004)

As especies exóticas invasoras constitúen un dos principais factores de ameaza que afectan á biodiversidade e ao medio no Planeta. A súa loita e erradicación formúlanse como un dos principais obxectivos na política ambiental tanto a nivel global, como nacional e rexional. En Galicia, o uso do territorio, unido ás características ambientais de determinadas áreas, determina que sexa un das áreas onde maior número de especies exóticas de plantas e animais se rexistran en Europa, detectándose efectos negativos da súa expansión sobre a poboación humana, como sobre os aproveitamentos socio-económicos e especialmente sobre o medio.

O proxecto LIFE FLUVIAL ten como obxectivo mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais e humidais asociados a estes, actuando en distintas áreas de Galicia, Asturias e Portugal. Unha das accións comúns nestes territorios é a avaliación das especies exóticas invasoras e o seu control. Entre as especies obxecto de actuación atópanse dende herbáceas como o plumacho da pampa (Cortaderia selloana), cartucho (Zantedeschia aethiopica) ou crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora); especies arbustivas como hortensia (Hydrangea spp), sempreviva (Helichrysum petiolare); arbóreas como tamargueira (Tamarix spp.), acacias (Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Acacia pesudoacacia), eucaliptos (Eucalyptus spp.), chopo híbrido americano (Populus x canadensis), piñeiro de Monterrey (Pinus radiata), piñeiro negral (Pinus pinaster), freixo americano (Fraxinus americana), vimbieiras (Salix viminalis), árbore das bolboretas (Buddleja davidii); enredadeiras como a vide (Vitis vinifera); canas como a cana de Castilla (Arundo donax) ou o bambú (Bambusa spp); e plantas acuáticas como a lentella americana (Lemna minuta). Todas estas especies expandíronse sobre os hábitats naturais e que nalgunhas áreas provocaron a redución ou desprazamento das especies autóctonas. A orixe destas especies é múltiple. Unhas responden a antigas plantas utilizadas nos agrosistemas tradicionais, que tras o cesamento destes se expandiron como acontece coas vimbieiras ou as canas (Salix viminalis, Arundo donax). Noutras trátase de especies de carácter forestal (acacias, eucaliptos, piñeiros, chopos). E finalmente existe un grande numero de especies exóticas invasoras que proveñen das áreas axardinadas (plumacho da pampa, hortensia, freixo americano, etc.).

Co paso do tempo algunhas especies exóticas invasoras apoderáronse da paisaxe galega, e tamén da percepción que teñen amplos sectores da poboación que as consideran como un compoñente xenuíno e identitario da súa natureza (“eucalipto do país”, “pseudopuga mencia”), descoñecendo ou minimizando de que se tratan duns elementos que degradan a calidade e o funcionamento destes e que de non se controlar axeitadamente poden ter unha interferencia sobre o aproveitamento dos recursos e sobre a propia saúde das persoas.

O manexo destas especies exóticas invasoras lévase a cabo baixo protocolos deseñados e executada baixo a dirección de botánicos da Universidade de Santiago, Universidade de Oviedo e Universidade de Lisboa, sendo avaliados e autorizados pola propia Comisión Europea e finalmente polas autoridades ambientais de Galicia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies