Inícianse os traballos de restauración da acción de conservación C4 na ría de Betanzos

A acción C4 do proxecto LIFE Fluvial ten como obxectivo a restauración de hábitats naturais no corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos (ZEC Betanzos-Mandeo ES1110007) ao seu paso por Bergondo.

Dende mediados da década de 1970, a marxe esquerda deste corredor foi ocupada parcialmente en dúas áreas para a instalación de equipamentos recreativos e deportivos, provocando a transformación dos hábitats naturais en áreas artificializadas, sen valor de conservación.

Tras algúns traballos preliminares levados a cabo durante o pasado ano, esta semana deron comezo as actuacións de recuperación que consisten na retirada de especies exóticas e invasoras e dos materiais dos antigos campos de tiro e de fútbol.

Representantes da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos e do Ibader (Universidade de Santiago de Compostela), ámbolos dous socios do proxecto LIFE Fluvial e asesores técnicos desta actuación, achegáronse aos enclaves de actuación para a supervisión das obras executadas por Tragsa. Os acompañaron a alcaldesa e o concelleiro de Medio Ambiente de Bergondo, tal e como recolle a prensa nas seguintes novas:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/bergondo/2020/08/26/limpian-antiguos-campos-tiro-futbol-miodelo-bergondo/00031598457964792536503.htm

https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2020/08/27/reserva-devuelve-marisma-terreno-ocupado/1529386.html

Trala finalización desta primeira fase das actuacións, procederase aos traballos de restauración de 2,1 ha de bosque aluvial (91E0*), mediante a repoboación con especies características da cuberta vexetal do mesmo, restituíndo a conectividade co bosque aluvial do resto do corredor fluvioestuarino.

Os traballos desenvolveranse ao longo das vindeiras semanas e está previsto que finalicen en decembro deste ano.